Friday 26 de April de 2024

Os equipos cadete e absoluto do Club de Remo Puebla, homenaxeados polos seus logros


Os equipos cadete e absoluto do Club Remo Puebla foron homenaxeados no mediodía de onte nun acto
realizado no Elma, ao cal asistiron familiares dos remeiros e membros da corporación municipal da Pobra.
A historia do club remóntase a 1979, ano no cal esta sociedade foi fundada por un grupo de persoas da localidade que, coa colaboración de dona Carmela Arias e Díaz de Rábago, patrocinou a compra da primeira traiñeira: a Carmela.
Recuperouse así no concello un dos deportes máis tradicionais das vilas mariñeiras da ría da Arousa. E a partir de aí comezou a súa andaina ata a actualidade, co equipo cadete como segundo de Galicia e primeiro de España, e o absoluto posicionado como segundo de Galicia e cuarto de España.
A concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo, dedicou unhas palabras aos deportistas, destacando o seu “ánimo de superación e sacrificio", ademais de facer fincapé en que o referido club “non só reforza o remo na bisbarra, senón que amosa uns valores de convivencia para todos nós."
Os primeiros en subir ao escenario a recolle-lo seu agasallo, consistente nunha comida ou cea nun establecemento hostaleiro da localidade, foron os integrantes do equipo absoluto: Adrián González, Martín González, Rubén Oliveira, Iago Santos, Rubén González, Sergio Tubío e María González.
Deseguido, foi a quenda do cadete, cuxo obsequio foi cadanseu batel de cerámica realizado por Raposiñas, un obradoiro cerámico rural situado na aldea da Lomba, e con distintivo de Artesanía de Galicia. Os membros deste equipo que subiron ao escenario foron Víctor Fernández, Manuel Bermo, Pablo Paz, Unay Vázquez, Brais Olveira, Antonio Pérez e Andrés Fernández.

Ademais, un representante de cada equipo fixo unha pequena intervención na cal expresou o que supuxo obte-los logros mencionados anteriormente.
Xa encarando o remate da cita, o actual presidente do club, Antonio do Carmo, incidiu no traballo desenvolvido polos remeiros e as horas de adestramento, ademais de facer un chamamento para que se siga colaborando coa entidade deportiva.
Pola súa parte, o alcalde Xosé Lois Piñeiro agradeceu o labor dos remeiros e remarcou os éxitos acadados, así como os valores que se aprenden no Club Remo Puebla máis alá do estritamente deportivo. Por último, deu paso á sorpresa final coa entrega dun ergómetro para a sociedade deportiva.
No acto tamén se proxectaron vídeos sobre os equipos homenaxeados e lembrouse a figura de don Valentín Hermo Ríos, presidente da entidade nos seus primeiros anos, falecido recentemente.